CONCELLO DE FORNELOS DE MONTES  

Castellano | English

  - Historia

Corporación | Entorno | Clima | Turismo | Fauna | Historia | Patrimonio | Omix | Fotos |

 
As Orixes
As características do terreo que presenta o concello de Fornelos de Montes, xunto coas características climáticas, eríxense como un dos principais condicionantes para xustificar a escaseza de patrimonio histórico dentro deste territorio. Todos os tipos de bens que conforman a cultura material dun lugar é froito das accións humanas sobre o medio, constituíndo ao mesmo tempo o seu principal sinal de identidade.

A escaseza de poboamento que dende sempre se rexistrou no concello de Fornelos de Montes deixou consigo un escaso patrimonio arqueolóxico. Aínda así, podemos atopar dende mámoas, petróglifos e un sarcófago antropoide enclavado nunha rocha no lugar de Vilán, onde tamén se conservan os restos do castelo-fortaleza de Alemparte, ata xacementos castrexos como o do Monte da Cidade en Oitaven, o de Castrove en Laxe ou o do Monte Castelo en Calvos.


Monte da Cidade

Os petróglifos de Cerdeiras (hoxe en día tapados por un recheo), na parroquia de Calvos ao Norte da parroquia de Ventín, representan diversos gravados rupestres da Idade de Bronce o que indica a presenza humana dende tempos moi pretéritos que indica xa aquí un poboamento anterior á dominación romana. A mámoa de Borraxeiros, que se sitúa no límite das parroquias de laxe e San Bernabé da Graña do concello de O Covelo, é un túmulo megalítico de período Neolítico.

No Concello, coma en xeral en todo o noso país, atopáronse restos da dominación romana (coma poñamos por caso, a ponte de Bustelo, cecais inicialmente desta xeira, anque refeito na Idade Media). Montero Arostegui (segundo nos dí G. Alvarez Gallego na "Geografía de Galicia" ), tivo ocasión de ver aquí unha torre arruinada, "cuyos techos, paredes, puertas y ventanas parecen de arquitectura roma y en una de las ventanas léese la siguiente inscripción: "Casa da len y pairte facida por os reyes godos, era Cesaris”; y en otra: "Chistus Rex venit in pace”.

As ruínas desta torre situábanse en Vilán o mesmo que un sartego aberto nunha pena e unha sepultura antropoide.

Idade Media
O territorio de Fornelos na súa inmensa maioría estivo ligado á Casa de Soutomaior na Idade Media Mesmo no século XVIII a Casa de Soutomaior dispuña do Señorío Xurisdicional dun extenso territorio no que se incluían, polo que a Fornelos se refire, as freguesías de San Adrián de Calvos, San Lorenzo de Fornelos, e parte da de Sta. María de Traspielas. mais coma daquela a freguesía de Berducido era moito máis grande que hoxe en día, habería que incluír tamén as freguesías de Estacas e Laxe, pois no Catastro de Ensenada indicase que o lindeiro oriental de Berducido ata Abelenda (Ourense), e o meridional, Barciademera

Freaza, aínda que situada en Traspielas pertencía á xurisdición de Sobroso.

Fornelos de Montes pagaba os dereitos de señorío -que nesta parroquia recibían no nome de "caballerato"-, por un importe de 240 reais. Berducido pagaba, sen nome especial, 1.200 reais, facéndoo as antigas familias que repoboaron o seu territorio. A luctuosa era pagada en tódalas freguesías, agás a de Calvos.

Coa abolición dos señoríos e o advenimento da reforma política que sae das Cortes de Cádiz de 1812 constitúese unha unidade administrativa que englobaba aos concellos de Soutomaior e Fornelos. Pero en 1869-70 prodúcese a segregación e formación de dous concellos distintos.

Hai que facer contar, noustante, que nos períodos 1812-14 e 1820-23, había Concello de Fornelos separado do de Soutomaior. A unidade conságrase na reforma efectuada polo R.D de 39/11/1833, debida a Javier de Burgos, que supón tamén o establecemento definitivo do sistema provincial Segundo este Decreto a Xurisdición de Soutomaior abranxía as parroquias de Anceu, Calvos, Barbudo, Estacas, Fornelos, Forzáns, Insua, Laxe, Pazos, Traspielas, Soutomaior, Xesta e Berducido.

Nese ano de 1835 a poboación das parroquias de Fornelos era a seguinte:
Calvos..........................158 veciños e   441 habitantes
Traspielas......................59 veciños e    171 habitantes
Estacas.........................65 veciños e    300 habitantes
Fornelos.......................340 veciños e 1.176 habitantes
Laxe..............................48 veciños e    217 habitantes
TOTAL.........................670 veciños e  2.305 habitantes

Madoz, no seu Dicionario ofrece os seguintes datos para 1845:

PARROQUIA CASAS VECIÑOS ALMAS
Calvos 100 168 441
Estacas 70 50 320
Fornelos 200 256 1.280
Laxe 113 103 500
Traspielas 59 59 171
TOTAL 542 636 2.722

ARRIBA SEGUINTE