CONCELLO DE FORNELOS DE MONTES  

Castellano | English

  - Entorno

Corporación | Entorno | Clima | Turismo | Fauna | Historia | Patrimonio | Omix | Fotos |

 
Situación do concello
O concello de Fornelos de Montes localízase no suroeste da comunidade Autónoma de Galicia entre as coordenadas xeográficas 42º 22´ 25´´ Norte, 42º 17´ 07´´ Sur, 8º 19´ 00´´ Leste e 8º 31´ 20´´ Oeste.
Administrativamente pertence á provincia de Pontevedra, situándose no centro-Leste da mesma. Pertence ao Partido Xudicial de Redondela e á Diocese de Tui.
Limita ao Norte cos concellos de Ponte Caldelas e A Lama, ao Sur cos de O Covelo e Mondariz, ao Leste con Leiro e ao Oeste cos de Pazos de Borbén e Soutomaior.
A súa superficie é de 83,1 km2 ao longo da que se distribúen un total de 26 entidades menores de poboamento dentro de sete parroquias.
É o concello situado máis ao interior da Área Metropolitana viguesa, presentando altitudes que oscilan entre un mínimo de 90 metros no Oeste, na parroquia de Calvos ao pe do curso do río Oitavén, e os 1.059 metros que se acadan no Leste no couto Minuto, na parroquia de Laxe.

   

Estrutura parroquial
A superficie do concello de Fornelos de Montes estrutúrase en torno a sete parroquias que albergan un total de vintecatro entidades menores de poboación. Segundo a extensión que presentan, a parroquia máis grande é a de San Xosé de Laxe, na que recollen un total de catro núcleos de poboación. Séguena, segundo o tamaño, San Miguel de Ventín con dúas entidades de poboación, Santa Mariña de Traspielas con catro, San Lourenzo de Fornelos con seis, San Adrián de Calvos con tres, San Vicente de Oitaven con dúas e Santa María de Estacas con tres entidade de poboación.

Segundo o número de habitantes, sobresaen as parroquias situadas ao Oeste do concello como as máis poboadas, namentres que as menos se sitúan cara o Leste. Así, Fornelos de Montes, Calvos e Traspielas son, por este orden, as parroquias máis poboadas, mentres que Laxe, Estacas e Ventín son as que posúen un menor número de habitantes.

Entidades de poboación
Das vinteseis entidades menores que se recollen dentro do termo municipal de Fornelos de Montes, no lugar de A Igrexa é onde reside a capitalidade municipal, sendo este núcleo o máis importante en canto a numero de habitantes e actividade económica e comercial se refire.

Os núcleos situados máis cara o Oeste do concello son nos que residen un maior número de persoas. Así, despois do de A Igrexa, seguen os de Alén, na parroquia de Calvos, Fondo da Vila na de Fornelos de Montes, Ventín de Arriba na de Ventín, Coruxeira na de Calvos e Freaza na de Traspielas. Pola contra, a medida que imos penetrando cara o interior do concello, cara o Leste, os núcleos teñen cada vez menos poboación. Así, de entre o menos poboados están os de Couso, Casal e Entrerríos na parroquia de Laxe e Bustelos e Estacas na parroquia de Estacas. Chama a atención o lugar de Soutosico, na parroquia de Fornelos de Montes, como un dos núcleos menos poboados debido á proximidade do encoro de Eiras e que inflúe na habitabilidade deste lugar.


 

Solo
A práctica totalidade do concello de Fornelos de Montes presenta un solo no que dominan os granitoides de dúas micas, material que presenta unha composición similar a do granito pero que se caracteriza pola súa fácil exfoliación en láminas delgadas e flexibles. Soamente existe unha pequena zona no Norte do concello dedicada a encoros, debido á presenza do encoro de Eiras neste punto.

O afloramento ao exterior en forma de batolitos (penedos), constitúe un elemento característico da paisaxe da zona. A existencia de numerosas fallas e diaclasas, así como o nivel elevado de precipitacións, condicionou o modelado do relevo.

No que se refire aos usos do solo, Fornelos de Montes presenta unha ampla extensión dedicada a mato e pasteiros sobre rocha e que ocupa máis da metade da superficie do concello. Destaca a maior presenza deste uso nas zonas onde o terreo presenta as súas máximas elevacións e en zonas de pendentes, tal e como se pode apreciar por todo o centro e Leste do municipio así como nunha franxa central que atravesa este espazo de Norte a Sur e próxima ao Oeste. Ségueno en importancia a superficie ocupada por masas arbóreas mixtas (eucaliptos, piñeiros e frondosas), que se reparten ao longo de toda a superficie municipal pero que presentan a súa maior extensión na parte central e Oeste do concello nas parroquias de Vertín, Estacas, Fornelos de Montes e Calvos. Localízanse principalmente nas partes altas das ladeiras dos vales que conforman os distintos ríos e regatos que bañan este espazo. Os usos dedicados a mato e especies madeireiras tamén presentan especial relevancia, localizándose principalmente no Sur, nas parroquias de Traspielas e Ventín, así como no centro da parroquia de Estacas. No Norte a penas se atopa este tipo de uso agás unha pequena superficie entre as parroquias de Fornelos de Montes e Oitaven. A presenza de solos dedicados a prados en maioría e cultivos anuais tamén é destacable. Atópanse repartidos en pequenas superficies ao longo de todo o concello e no entorno dos núcleos de poboación, sendo máis frecuente a súa presenza e maior extensión nas parroquias do Oeste. As características do clima e do relevo no Leste fai que a presenza desta clase de uso sexa menos frecuente, reducíndose considerablemente a súa extensión nas parroquias de Laxe, Estacas e Ventín. Tamén se pode destacar a superficie que ocupan as especies autóctonas caducifolias, que unicamente se localizan no Oeste nunha franxa que atravesa o concello de Norte a Sur e que transcorre paralela ao río Barragán pola súa vertente Leste, constituíndo un espazo de importante valor paisaxístico e ecolóxico. Unha extensión inferior presenta a superficie dedicada a mato, que soe estar vinculada ou asociada a outras especies arbóreas. Menor importancia, no canto a extensión se refire, presentan outra clase de usos do solo como pode ser o dedicado a eucalipto e piñeiro, que se localizan nas parroquias de Calvos, Estacas e Ventín; o dedicado a mato-pasteiro, que se localiza en exclusividade no Oeste do municipio e coincidindo coas zonas máis chairas do mesmo, sendo a parroquia de Calvos a que presenta unha maior extensión, localizándose os outros puntos no Norte da parroquia de Fornelos de Montes e no Sur da de Traspielas; o dedicado a prados en maioría, cultivos anuais e viñedos que unicamente se localiza no Sur da parroquia de Traspielas; mentres que os prados en maioría, cultivos anuais e caducifolias presentan unha extensión moi reducida estando presentes só no Norte da parroquia de Ventín.

Vexetación
A superficie de bosque que presenta o concello de Fornelos de Montes está preto de acadar as tres hectáreas por habitante. Destaca a extensión que o monte desarborado presenta no concello, ocupando preto de dous terzos da súa superficie. A maior parte deste uso localízase por toda a metade oriental así como polo centro sur do concello. No resto da superficie atopamos todo un conxunto de especies que poden aparecer illadas ou mesturadas con outras Segue en extensión a superficie dedicada a plantacións de eucaliptos, aínda que unha distancia moi grande, e que se concentra na súa maior extensión na metade Leste da parroquia de Fornelos de Montes.


As masas de bosque mixto, composto por carballos, eucaliptos e frondosas atópanse dispersas en extensións moi pequenas por todo o concello, estando presentes, na súa maior parte, no centro da parroquia de Estacas formando unha liña que atravesa esta zona de Norte a Sur, no centro da de Ventín e entre o límite das parroquias de Calvos e Fornelos de Montes. Os bosques mixtos de piñeiro e eucalipto podémolos atopar en pequenas extensións espalladas polo Sur do concello, sobre todo na parroquia de Traspielas e en menor medida na de Ventín, parroquia na que atopamos a única superficie dedicada a piñeiros exclusivamente e que apenas presenta relevancia a nivel municipal.

Os bosques de carballos tamén teñen unha presenza moi reducida localizándose nos estremos Leste e Oeste do concello nas vertentes orientadas ao Sur dos vales que conforman os cursos fluviais. Así, existe unha pequena extensión dedicada a carballo ao Leste do concello, no NO. da parroquia de Laxe, entorno ao val que conforma o río Parada. Tamén podemos atopar unha pequenas extensión de carballos no centro da parroquia de Estacas no val do río Couñago. As carballeiras máis extensas pódense atopar no Oeste do municipio no val que conforma o río Barragán, na parroquia de Traspielas, así como no Norte de Calvos no val do río Oitavén. Tamén podemos atopar algunha zona de especies mixtas de eucaliptos, piñeiros e carballos pero cunha extensión de escasa importancia, destacando unha pequena área existente no Oeste da parroquia de Traspielas e que se atopa asociada ás extensións de carballos.

A vexetación de ribeira redúcese a pequenas áreas nos vales que conforman os ríos Parada e Oitaven cunha extensión moi reducida. A superficie dedicada a uso agrícola tamén se atopa repartida por todo o termo municipal. Localízanse en zonas de val onde a pendente do relevo non é moi forte, sendo esta superficie máis extensa nas parroquias do Oeste (Calvos, Traspielas, Fornelos de Montes e Oitavén) que nas do Leste, polo que se aprecia un descenso desta nesta mesma dirección.
Con todo, a nivel xeral podemos observar como o 80% do territorio é ocupado por superficie forestal, mentres que preto do 18% está dedicado a cultivos de entre os que destacan os cultivos herbáceos cun 53% seguidos dos prados cun 45%, os viñedos e árbores froiteiras ocupan o resto do terreo de cultivo. O resto do territorio municipal está ocupado por servizos básicos (estradas, centros deportivos, culturais, etc.).

Relevo
O concello de Fornelos de Montes localízase nun espazo situado a medio camiño entre a ría de Vigo e a serra do Suido, atopándose ao pé desta na súa vertente suroccidental. Isto da como resultado que as máximas elevacións do concello se atopen na seu estremo máis oriental, producíndose unha gradación descendente do relevo cara o Oeste, caracterizándose neste punto pola presenza de vales fluviais así como da presa do encoro de Eiras. Así mesmo, na parte Sur podemos atopar o Coto de Eiras, outeiro no que se acadan os 900 m. de altitude.

Os valores máis baixos rexístranse no estremo occidental do concello. Os vales que conforman os ríos Oitavén e Barragán son os que articulan esta parte do territorio, atopándose no entorno destes as cotas altimétricas máis baixas. Así, o río Oitavén rega a parroquia de Calvos polo Norte, lugar onde se atopan os puntos máis baixos de todo o concello. Cara a vertente Sur do val a altitude do terreo vai aumentando ata acadar preto dos 450 m. Máis cara o Leste e no centro Norte do municipio, na parroquia de Fornelos de Montes, o río Oitaven atravesa esta parroquia pola súa parte central, por onde se rexistra unha altitude entorno aos 250 metros. A altitude do relevo neste punto vai aumentando cara os seus rebordes conformando un val amplo, aberto e disimétrico, onde as maiores altitudes se atopan no Sur do mesmo. O val do río Barragán, que atravesa as parroquias de Traspielas e Oitaven polo seu Oeste, presenta neste caso unha dirección S.-N. ata desembocar no encoro de Eiras, sendo outro dos puntos máis baixos do concello cunha altitude que oscila entre os 250 e os 300 metros.


 

A parte central do concello presenta unha altitude superior froito desa evolución ascendente do relevo cara o Leste, e onde se localizan as parroquias de Estacas e Ventín. Esta zona presenta unha liña de cumes cunha dirección NL.-SO. onde podemos atopar ao Sur o coto de Erbededa que acada os 897 m. Cara os rebordes desta liña de cumes o relevo comeza a descender cara o NO., ata chegar aos pes do val do Oitaven e do encoro de Eiras, e cara o SL. Ata entrar no concello de Mondariz.
A parte Leste é a que presenta os valores máis elevados de todo o municipio, xa que se atopa aos pes da serra do Suido. Esta zona, na que se localiza a parroquia de Laxe, vai aumentando a súa elevación a medida que nos achegamos cara o seu estremo oriental, onde acada os valores máximos. Así a altitude chega a superar os 1.000 metros en determinados puntos, como é o caso dos 1.059 m. do Couto Minuto, os 1.055 do Pena Redonda ou os 1.007 do Outeiro Vello. Tamén destacan os 911 m. en Pena Aranda, e os 802 m. do Couto do Corno. 

Ríos
Se por algo destaca o concello de Fornelos de Montes é pola amplísima rede hidrográfica que cubre a meirande parte do seu territorio. A localización do concello preto da serra do Suído e a súa altitude no sector oriental fai que se localicen numerosas fontes que conforman a cabeceira dos diferentes cursos fluviais.
A rede hidrográfica está articulada en torno á cunca do río Oitavén, principal curso de auga que rega o concello polo Norte e ao que van verter as súas augas a meirande parte dos pequenos regos e regatos que atravesan o resto do territorio. O río entra no concello polo Norte, na parroquia de Fornelos de Montes, cunha dirección NL.-SO. para logo tomar unha dirección L.-O. Na maior parte do seu percorrido por este espazo serve de fronteira natural co concello de Ponte Caldelas, situado ao Norte. No seu treito localízase o Encoro de Eiras.

Os principais afluentes do Oitavén son os ríos Barragán e Parada, ademais de outros pequenos cursos fluviais de menor importancia e que tamén verten as súas augas de maneira directa a el como poden ser o regueiro de Casero cunha dirección S.-NO., o rego de Porto das Vacas, S.-NO., ou o da Espadaneira cunha dirección S.-N., todos eles na parroquia de Fornelos de Montes.

O río Barragán ten a súa cabeceira no Sur da parroquia da Traspielas. Neste punto o río leva unha dirección L.-O. para logo pegar un cambio circular de Sur a Norte ata a súa desembocadura no Oitavén, regando as terras do Sur e Leste do concello afectando principalmente á parroquia de Traspielas, aínda que tamén atravesa á de Oitaven polo Leste e á de Calvos polo Oeste. Ao longo do seu transcorrer por Traspielas, o río exerce de límite natural cos concellos de Mondariz polo Surleste e Pazos de Borbén polo Leste. A el van verter as augas outros cursos fluviais de menor importancia como son os regatos de Costeiras, de Porta Pielas ou o das Freixas, todos cunha dirección SL.-NO.-SO. froito das características orográficas. Polo Norte recibe as augas do rego das Arrouzas, na parroquia de Ventín, e que presenta unha dirección SO.-NL. Preto da súa desembocadura ao Norte, nas parroquias de Oitaven e Ventín, o río vese afectado pola presenza do encoro de Eiras, aumentando a súa anchura e profundidade debido o estancamento das augas.

O río Parada ten a súa cabeceira no Leste do concello, ao pe da serra do Suído, na parroquia de Laxe. Neste punto recibe a auga, tanto polo Norte como polo Sur, de numerosos afluentes que teñen as súas fontes neste mesmo punto do territorio. De entre eles destacan os ríos Barbado, Val do Home e o regueiro das Ortigas, que verten as súas augas no Parada dende o Norte, mentres que polo Sur destacan o Río do Ceíño da Reixa, o Regueiro das Murallas e a Barranqueira de Fonte Uceira. O trazado que presenta ao longo do seu percorrido polo Norte do concello é bastante irregular, froito da característica do terreo mais, a nivel xeral, presenta unha dirección Leste-Oeste e que o leva a verter as súas augas ao río Oitaven na parroquia de Fornelos de Montes. O seu paso polo Norte da parroquia de Estacas, exerce de límite natural co concello de A Lama, recibindo as augas do Río Couñago polo Sur. Ao entrar na parroquia de Fornelos de Montes o río toma unha dirección SL.-NO. ata desembocar no Oitaven, na metade Norte da parroquia.

En xeral, o concello amosa unha gran riqueza hidrolóxica coa existencia de numerosas fontes que conforman a cabeceira dos ríos regos e regatos, e que se espallan por todo o territorio. Os ríos máis importantes localízanse no Norte do municipio, presentando unha dirección Leste-Oeste, agás o río Barragán que se localiza no Oeste e presenta unha dirección Sur Norte. No resto do territorio a rede hidrográfica está composta por pequenos cursos fluviais e escaso caudal e lonxitude.
Pódese observar, segundo a trama hidrográfica que nos amosa o mapa, a existencia dunha liña de cumes que exerce de divisoria de augas e que se localiza no Sur do concello, cunha dirección SO.­NL., a partires da que a maior parte dos cursos fluviais leva unha dirección Norte e Leste, mentres que os ríos que presentan unha dirección Sur son moi escasos, localizándose a totalidade deles nas parroquias de Ventín e Traspielas.

Destaca a complexidade da trama que esta rede presenta na parroquia de Laxe, onde a localización da mesma ao pé da serra do Suído e a altitude que presenta fai que afloren numerosas fontes de auga que acaban conformando cursos fluviais de pequeno tamaño que van desembocando uns noutros ata verter finalmente as súas augas ao río Parada, polo que presentan a maioría deles unha dirección Sur-Norte, a excepción dos pequenos cursos localizados ao NL. municipal e que presenta unha dirección N.-S. No Leste e no Sur do concello teñen as súas fontes a meirande parte cursos fluviais. A medida que nos imos achegando cara o Oeste o número de afluentes vai diminuíndo presentando unha dirección L.-O. aqueles que van verter as súas augas ao río Barragán.

Zonas de interese natural
No concello de Fornelos de Montes podemos atopar diferentes lugares cunha gran importancia natural e que se atopan protexidos a través de diferentes figuras normativas. Destaca a extensión que presenta a serra do Suído e que afecta a case dúas terceiras partes da parroquia de Laxe. Esta serra presenta un relevo suave aínda que chega a acadar os 1.000 metros de altitude. Forma así unha primeira barreira orográfica que fai que se recollan un gran volume de precipitacións procedentes do Atlántico. Nela podemos atopar unha serie de construcións robustas e feitas en granito chamadas chouzos ou chouzas, que servían para gardar o gando de pastoreo. De entre a fauna predomina a presenza coellos, perdices, lebres e lobos mentres que entre os de caza maior destacan os xabarís. Entre as especies vexetais dominan as do xénero “ulex”, “ericas” e “brezos”, alternándose con pequenos bosques de frondosas en zonas húmidas. A dificultade de acceder a esta zona do territorio, dada a escaseza de vías de comunicación, facilita a tranquilidade e supervivencia no seu hábitat natural da flora e fauna.

O Encoro de Eiras está protexido polas Normas Complementarias e Subsidiarias da Provincia de Pontevedra. Neste espazo podemos atopar unha importante colonia de árbores autóctonas como os carballos (Quercus robur), acebos (Ilex aquifolium), castiñeiros (Castanea sativa), loureiros (Laurus nobilis), sobreiras (Quercus suber) e algúns cerquiños (Quercus pyrenaica). Das especies animais destacan a presenza de falcóns (“Falco peregrinus”), que está en perigo de extención e que na actualidade se atopa protexido polo Real Decreto 4/89 e polas convencións de Berna e Bonn. Tamén destaca a presenza de merlos ribeiros, andoriñas dos penedos, tartarañas, aguias albelas, gabiáns, azores, furóns e gatos bravos, todos eles protexidos.

O Río Tea ten as súas fontes no concello de Fornelos de Montes entre as parroquias de Ventín e Estacas. Atópase protexido baixo a figura de Espazo Natural e Réxime de Protección Xeral. As súas beiras podemos atopar vexetación autóctona e de ribeira ben conservada. Ao longo do seu curto percorrido por este concello desenvólvense bosques aluviais de amieiros (“Alnus glutinosa”) ou freixos de río (“Fraxinus excelsior”), aos que se incorporan as carballeiras con “Quercus robur” e “Quercus pirenaica”. Cara a parte alta do val que conforma a cabeceira deste río destaca a presenza de especies foráneas como os piñeiros e os eucaliptos. Entre a fauna máis destacada podemos atopar o rato de almiscre (“Galemys pyrenaicus”), a lontra (“Lutra lutra”), o gabilán (“Accipiter nisus”), o merlo rieiro (“Cinclus cinclus”), o ouriolo (“Oriolus oriolus”), a andoriña brava (“Riparia riparía”) ou a libélula (“Gomphus graslini”).

Tamén podemos atopar outros dous espazos que se atopan protexidos baixos a normativa urbanística municipal como son a Fraga do Couñago, na aldea de Estacas e a Carballeira do Couso en Laxe. Ambos espazos destacan pola importante superficie ocupada polos carballos (“Quercus robur”), xunto con outras especies de frondosas, e que lle confiren un importante valor paisaxístico, ecolóxico e patrimonial.

Infraestruturas de comunicación
A posición periférica e exterior do concello de Fornelos de Montes, fai que non dispoña de ningunha autoestrada, vía de alta capacidade ou estrada de rango nacional. Un dos factores que influíu na formación da rede viaria é a característica do relevo, así como o asentamento humano. Así, a rede de estradas caracterízase pola falta de vías transversais que conecten todo o territorio entre si e cos municipios veciños. O firme que presentan moitas delas, sobre todo as locais, esta defectuoso. Os trazados a penas foron modificados no tempo, caracterizándose por seren sinuosos, con continuas subidas e baixadas, cun ancho de vía inadecuado e constantes curvas.

A estrada principal, que atravesa o concello de Norte a Sur pola parroquia de Estacas, é unha Autonómica de 2ª orden (C-531) e que conecta a este con A Lama polo Norte e con Covelo polo Sur. Tamén dispón dunha rede de estradas de 3ª orden que se concentran na metade Oeste do territorio destacando a PO-250 e a PO-251 que se unen no lugar de Igrexa e que conectan o municipio co concello de Ponte Caldelas polo Norte e Pazos de Borbén polo Sur. Destas estradas saen outras, de terceiro orden tamén, que percorren o resto do territorio, atravesando unha delas o concello de Norte a Sur polas parroquias de Oitaven e Traspielas e conectando co concello de Mondariz, mentres que o resto se enlaza co resto da rede que ocupa o concello.
Fornelos de Montes, dada a súa condición de concello montañoso, dispón dunha importante rede de camiños e pistas que se expanden por todo o termo municipal, sendo estas especialmente extensas nas parroquias de Ventín e Traspielas.
O proxecto máis importante en materia de estradas que se ten pensado levar adiante limitase ao paso por este termo municipal dunha autovía que atravesará de Norte a Sur un pequeno espazo no extremo Oeste, pola parroquia de Calvos, así como a mellora da estrada que conecta este concello co de Pazos de Borbén.
 

ARRIBA SEGUINTE