CONCELLO DE FORNELOS DE MONTES  

Castellano | English

  - Clima

Corporación | Entorno | Clima | Turismo | Fauna | Historia | Patrimonio | Omix | Fotos |

 
Características climáticas
A localización xeográfica que presenta o concello de Fornelos de Montes xunto coas súas características topográficas fan que esteamos diante dun territorio cunhas características climáticas diferentes segundo o punto no que nos atopemos.

A zona situada no estremo Oeste do territorio, concretamente a parroquia de Calvos, o estremo oeste da de Oitaven e a metade Oeste de Traspielas, está englobado dentro dun dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival, caracterizado por invernos chuviosos onde se recollen preto de 500 mm., e verán secos nos que a precipitación recollida é de preto de 200 mm., mentres que a temperatura oscila entre os 8-10ºC de media no inverno e os pouco máis de 18ºC no verán.
O estremo Leste do concello, sector oriental da parroquia de Laxe, está enmarcado dentro dun dominio climático de montaña, caracterizándose por unhas precipitacións abondosas durante todo o ano, que recollen preto de 700 mm. no inverno mentres que no verán poden chegar a recollerse ata 400 mm., e temperaturas baixas nos meses de inverno (4ºC) e suaves nos de verán (16-18ºC).

A maior parte do territorio está enclavado dentro dunha área de transición entre o dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival e o oceánico de montaña. O primeiro caracterízase pola temperaturas altas en verán e suaves no inverno con precipitacións estacionais e torrenciais, concentradas no outono e inverno, sendo frecuentes as xeadas a medida que entramos no interior do territorio. Como consecuencia da escaseza de precipitacións e o aumento das temperaturas se produce a conseguinte seca estival. Pola contra, o oceánico de montaña caracterízase por ter unhas temperaturas máis baixas e as precipitacións frecuentes e abondosas, sobre todo nas vertentes orientais.

As áreas de transición danse con frecuencia. As fronteiras non son exactas pero o cambio dun dominio a outro vaise facendo paulatinamente.

Precipitacións
A localización xeográfica e as características topográficas do concello de Fornelos de Montes provocan que as precipitacións sexan frecuentes e abondosas ao longo do ano. A época de maior pluviosidade concentrase nos meses de outono e inverno, namentres que o verán é a estación na que se recolle unha menor cantidade de auga. Os meses de novembro, decembro e xaneiro son nos que se producen as maiores precipitacións, namentres que os niveis máis baixos se acadan nos meses de xuño e sobre todo xullo e agosto.

As precipitacións totais que se recollen dentro do municipio de Fornelos de Montes experimentan un aumento das mesmas de Oeste a Leste e a medida que aumenta a altitude do relevo. En xeral, a auga de choiva que se recollida no concello durante un ano está en torno aos 1.600 mm./ano.

Na parroquia de Calvos é na que se recolle unha menor cantidade de auga de choiva, arredor dos 1.500 l./m2 ao ano, sendo a súa parte máis occidental a menos chuviosa do concello con 1.200-1.400 mm ao ano. Dende este punto e cunha dirección NO.-SL. a cantidade de auga recollida aumenta ata os 1.400-1.600 mm. por ano, debido á progresivo elevación do terreo, chegando a recollerse entre 1.600 e 1.800 mm. no Sur da parroquia, onde se atopa o punto máis elevado da mesma. Pola contra, a parroquia de Laxe, situada no extremo oriental do concello, é a que presenta un maior nivel de precipitación acumulada, cun total anual que chega a superar os 2.000 mm./ano. As choivas aumentan de Oeste a Leste neste espazo, ao igual que no conxunto do concello, á par que vai aumentando a elevación do terreo. Na metade occidental da parroquia recóllense entre 1.800 e 2.000 mm. ao ano, agás nunha pequena área situada no extremo Oeste onde a cantidade acadada é de entre 1.600 e 1.800 mm. Na metade oriental, coincidindo coas máximas elevación do concello, é onde se recollen os maiores niveis de auga de choiva, superando os 2.000 mm. ao ano.

Na metade centro-occidental do municipio a precipitación total anual varía entre os 1.400–1.600 mm., afectando á totalidade das parroquias de Fornelos de Montes e Oitaven así como a maior parte da de Traspielas. Na parte central do concello, entre as parroquias de Ventín e Estacas, e a medida que vai aumentando a altitude do terreo, se vai producindo unha gradación ascendente das precipitacións pasando de 1.400 – 1.600 mm. na zona Norte aos 1.800 – 2.000 mm. na zona Sur.

Temperaturas
A temperatura media obtense ao dividir a temperatura media de cada mes entre o número de meses de ano. No concello de Fornelos de Montes, ao igual que ocorre coas precipitacións, vai diminuíndo o seu valor de Oeste a Leste froito da progresiva elevación do terreo nesta mesma dirección, pasando dos preto de 15ºC de media que se rexistran no Oeste aos pouco máis de 10ºC que se chegan a rexistrar no extremo oriental.

A temperatura media máis elevada rexístrase nos meses de verán e primavera, nos que esta oscila entre os 16ºC e os 20ºC, e os 10ºC e os 14ºC respectivamente. Pola contra, os meses de inverno son nos que se rexistran as temperaturas máis baixas, variando estas entre os 4ºC e os 10 ºC. No outono a temperatura media varía dos 8ºC no sector máis oriental aos pouco máis de 13ºC que se acadan no Oeste.

Os meses máis calorosos son os de xullo e agosto, nos que se acada unha temperatura media de entre 16ºC e 20ºC, namentres que os de meses de xaneiro e febreiro son os mais fríos cunha temperatura media e oscila entre os 4ºC e os 8ºC.

A zona onde se rexistran as temperaturas máis elevadas é nas parroquias situadas no Oeste e Norte do concello (Calvos e Fornelos de Montes), onde a temperatura media que se acada é de preto de 15ºC. Na parte central do concello a temperatura media é de 13-14ºC, reducíndose ata os 12-13ºC a medida que nos achegamos cara o Sur da parroquia de Ventín, como consecuencia da continua elevación do terreo. Esta temperatura prolóngase cara o NL. do territorio afectando á parte central da parroquia de Estacas e ao Oeste da de Laxe, rexistrándose aproximadamente nunha franxa que vai entre os 500 e os 750 m. de altitude. O sector máis oriental do municipio, na parroquia de Laxe, é o no que se dan as temperaturas máis baixas sendo a media anual de 10-11ºC na parte centro oriental da parroquia, mentres que na parte occidental son de 11-12ºC. No extremo Leste da parroquia, onde o concello presenta as súas máximas elevacións, é onde se acada a temperatura máis baixa do municipio, cunha media anual que varía entre os 10 e os 11ºC, valores que se acadan unha vez se superan os 950 metros de altitude. 

Amplitude térmica
A amplitude térmica anual ven a indicar a diferenza existente entre a temperatura media máxima e a temperatura media mínima acadada ao longo dun ano.

A elevación do terreo eríxese como o factor primordial á hora de avaliar os contrastes de temperatura, xa que provoca o aumento da oscilación térmica a medida que se vai aumentando en altitude.

Tal e como se pode apreciar no mapa anexo, diferéncianse tres sectores dentro do municipio de Fornelos de Montes, producíndose un aumento da oscilación de Oeste a Leste. No primeiro sector estarían os extremos occidental e setentrional, coincidindo coas elevacións máis baixas do concello, onde a amplitude térmica acadada é máis suave oscilando entre os 12,5ºC e os 13,5ºC, agás nun pequeno sector situado no SO. da parroquia de Calvos onde se acadan os 13,5-14,5ºC e que coincide, á súa vez, coas máximas elevacións desta parroquia. Na parte central do territorio a oscilación aumenta ata acadar unha media de 13,5-14,5ºC, agás nunha pequena extensión ao Sur onde se produce un aumento desta ata os 14,5-15,5ºC. O sector situado máis ao Leste deste territorio así como unha pequena franxa que se estende cara o Sur ao longo do límite municipal é o que presenta unha amplitude térmica máis elevada, podendo acadar os 15,5ºC, polo que as condicións climáticas neste punto son máis severas que, xunto coa intensa pluviosidade e as características do relevo, complican as condición de habitabilidade do mesmo.
 

ARRIBA SEGUINTE